11/8/11

Situación de los “senegaleses” con las actuaciones recientes de la policia.

A ASOCIACIÓN SEN PAPEIS DA CORUÑA AMOSA O SEU TOTAL REXEITAMENTO AO RECRUDECEMENTO DA REPRESIÓN AO COLECTIVO SENEGALÉS

OS SUCESOS DO 4 DE AGOSTO NON SON MÁIS QUE UN EXEMPLO DA IRREGULAR ACTUACIÓN POLICIAL FRONTE AO COLECTIVO SENEGALES, PROBLEMA SOSTIDO NO TEMPO QUE COMEZA A RECRUDECERSE DENDE AS PASADAS ELECCIÓNS

A Asociación Sen Papeis presentou onte, día 5 de agosto, unha denuncia no Xulgado de Instrución nº3 de A Coruña polos seguintes feitos:

O día 4 de agosto de 2011, un rapaz que estaba sentado falando cos seus compañeiros no Cantón Grande, á altura do número 5, viu achegarse a dous descoñecidos. Un destes colleu de súpeto a bolsa do rapaz, que suxeitou para que non lla roubasen. Nese momento o outro individuo sacou unha pistola, pegoulle con ela na man e logo apuntoulla primeiro ao peito e logo á cabeza, afirmando posteriormente que era policía, ao tempo que ameazaba coa pistola aos compañeiros do rapaz. Despois, o suxeito empregou un transmisor.

Poucos minutos despois chegou un coche da Policía Local, do que baixaron dous axentes uniformados. Un deles colleu a bolsa do rapaz, ao que este non se negou. Nese momento o rapaz preguntoulle ao individuo que o ameazara coa pistola por que o fixera, e tivo esta resposta: “¿Tienes identificación? Si la tienes puedes denunciarme”, feitos tras os que o home marchou do lugar.

A situación non daba soporte para ningunha acción policial. No momento dos feitos o denunciante e os seus amigos estaba a falar, sentados nun banco. Non estaban a realizar ningunha actividade. A bolsa do denunciante estaba pechada, e era da súa propiedade, polo que nin sequera se podía coñecer o seu contido.

Os individuos que actuaron contra os agredidos nin levaban uniforme nin amosaron identificación algunha, polo que infrinxiron os requisitos legais de calquera actuación policial. O emprego dunha arma reglamentaria segue uns requisitos esixentes, que foron vulnerados polos actuantes. Nin a situación esixia o emprego da mesma nin a reacción do asaltado a lexitimou. Dado o transcorrer dos feitos, este dispositivo policial puido ter consumado delitos de abuso de poder, intimidación, detención ilegal e sustracción de pertenzas.

Non debemos tomar os feitos do 4 de agosto de forma isolada. E o exemplo da desproporción e agresividade que leva tomando a actuación policial fronte ao colectivo migrante dende hai anos na Coruña. A falta de seguimento da normativa, a inutilización dos procedementos de garantía aos intervidos, o emprego de axentes “de paisano” (para actividades para as que non están permitidos), ameazas, detencións ilegais derivadas de infraccións administrativas, sustraccións non documentadas… son prácticas habituais na Policía Local da Coruña fronte a este colectivo.

Os medios de comunicación da cidade falan dunha denominada operación “Yankie”, dirixida a asfixiar ao colectivo migrante, empregando medios fora dos legalmente permitidos.

A Asociación Sen Papeis da Coruña esixe a ruptura da Policía Local con estas prácticas ilegais, e a volta ao emprego de medios e procedementos adecuados á Lei. O novo goberno municipal é o responsábel de retomar a vía da legalidade, e deberá respostar destas actuacións ante a cidadanía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario